Arquivos mensuais: Febreiro 2012

Isaac Díaz Pardo


Isaac_Díaz_PardoIsaac Díaz Pardo, nado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012, foi un intelectual e artista galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia. Acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.

TRAXECTORIA

De pai pintor e escenógrafo (Camilo Díaz Baliño), na súa casa tiñan lugar xuntanzas diversas relacionadas coas Irmandades da Fala. O seu pai foi asasinado cos primeiros movementos da Guerra civil española, o que fixo que Isaac tivera que agocharse ata poder saír de Santiago de Compostela. Pasou logo a traballar como rotulador na Coruña.

A súa condición de supervivente marcou a súa vida cunha misión: lembrar aos mortos e levar a cabo os soños polos que os mataron.

Despois da guerra, cursou entre 1939 e 1942 estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando (Madrid).

A partir de aí, comezou a súa participación pública en diversas experiencias pioneiras como en 1941 participou na primeira experiencia española sobre deseño industrial, e en 1942 unha viaxe de estudos en Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro (Europa e América).

Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que visaba, por un lado, a modernización e internalización da cultura galega e, por outro, a rexeneración da desartellada historia de Galicia.

Deste xeito abandonou as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada) (onde o nomearían fillo predilecto), o que repite na Arxentina, onde pasaría trece anos e construiría xunto con outros destacados galeguistas como Luís Seoane o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, a editorial Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, etc.

Das institucións que este colectivo creou para recuperar a memoria histórica, sería a dirección e administración do Grupo Sargadelos a faceta máis coñecida do intelectual galeguista e a que marcaría os seus derradeiros anos e o seu último fracaso, xa que foi apartado da dirección e da administración do grupo.

Como escritor de ensaio e crítica, destacan (Xente do meu Rueiro), O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luís Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos ou Castelao, ademais dunha morea de artigos en xornais como La Voz de Galicia (onde colaboraría até o 2009).

Ao longo da súa vida recibiu moitas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988), Premio Otero Pedraio das Deputacións Provinciais (1990), Insignia de Ouro (1991), Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1992) e da Universidade da Coruña (2007), Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1993), a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1995), a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo (2007) entre moitísimos outros.

Morreu o 5 de xaneiro do 2012 aos 91 anos de idade no Hospital San Rafael na cidade de A Coruña.

Luisma, 4º ESO.

Marcha atrás na normalización


Neste curso, o mantemento do sistema informático do centro pasou de estar a cargo de persoal docente a un contrato cunha empresa privada.

O meritorio afán do novo equipo directivo para fornecernos dun espazo de traballo agradable e funcional deu moi bos resultados: hai máis ordenadores na Sala de Profesores, co cableado moi xeitoso, as impresoras funcionando ben, e mesmo a posibilidade de conectar outros equipos á rede desde unha das mesas, a máis do de facelo mediante a wi-fi.

O problema é o cambio dos sistemas operativos. Antes tiñamos un ou dous ordenadores con sistemas GNU-Linux, e o resto con Windows®, e todos en galego, tanto os OS como os diversos aplicativos. Agora todos os ordenadores funcionan unicamente en Windows® en castelán, e todos os aplicativos están en castelán; mesmo as versións prehistóricas de Firefox e de Open Office que estes novos mantedores do sistema informático tiveron a ben instalar en Windows®, están en castelán.

Isto no que se refire á Sala de Profesores. Nas aulas O Cambio comezou máis ás agachadas. Como no proxecto Abalar, comezando polos niveis inferiores:

Unha mañá calquera, estaba eu tranquilamente co meu alumnado de primeiro de ESO, cando chegaron os de mantemento e pediron permiso para entrar, entraron sen me dar tempo a contestar e puxéronse a facer o seu traballo. O equipo da aula tiña o sistema operativo Galinux con todos os aplicativos en galego. Cando saíron o equipo estaba igual que os da Sala de Profesores: sistema operativo Windows® en castelán e aplicativos extras, como o Firefox e o vello Open Office tamén en castelán. E así segue despois de varios meses en el aula de primero de la ESO. De momento non teño coñecemento de que esta estratexia para derribar o traballo feito nos anos anteriores teña sido aplicada a outras aulas.

E por último, a Biblioteca: O ordenador da mesa do bibliotecario de turno agora funciona con Windows®-7®, en castelán, por suposto. Os ordenadores para os alumnos de momento conservan o Galinux e os aplicativos en galego.

A dirección prometera arranque dobre en todos os ordenadores, e aínda estamos á espera. De pasar todo a castelán nunca dixo nada.

por Carlinhos