«A Fábrica», por Bob Esponxa

A FÁBRICA

Todo estaba escuro. O único que percibía era a xeada man do meu acompañante. Nin unha mosca movía as súas ás ao noso carón. Na fábrica só había silencio, devastación e morte.  Eu atopábame moi cansa, debido a todo o traballo que tivera que facer dende o día anterior para conseguir paliar o ocorrido, e total para que? Para nada. Todo o meu traballo foise ao garete. A miña investigación, os meus plans, totalmente derruídos. Só quedaba el. Z781 sobreviviu ao inferno de Suárez. Non me gustaba chamarlle polo seu nome científico, e el aceptou o sobrenome de Cox. Só el, ante milleiros de robots construídos.

Comezamos a camiñar no medio do desastre, tusindo constantemente polo po que me secaba a gorxa, e guiándome polos incríbeis instintos de Cox.

Unha luz, só necesitabamos un chisquiño de claridade que nos dese unha pista para atopar unha saída. Nada. Máis escuridade e máis silencio. Camiñabamos sen rumbo, cando un berro me estremeceu o corpo. Rapidamente fomos ata o lugar de onde procedía aquel horripilante son. Cox decatouse moito antes ca min de que se trataba de Xurxo Louro, un dos meus colaboradores do proxecto. Sen dúbida, apresurámonos a axudalo. Tiña unha perna rota.

O meu amigo Xurxo. Coñeciámonos desde sempre, e aos dous nos apaixonaban as novas tecnoloxías. Morriamos por descubrir novas experiencias de vida, e de como facilitarlle os traballos aos seres humanos. Eramos un pequeno grupo de científicos recén graduados. Comezamos as nosas investigacións, e o noso primeiro éxito foi Z781, hai dous anos, logo de sete estudiando todas as posibilidades. Un dos científicos chamábase Mateo Suárez, un magnífico colaborador. Estaba tolo por construír máis robots coma Cox, avanzar nas investigacións e chegar a ter a millóns deles traballando para nós. Para o resto do grupo, os seus obxectivos parecíanos excesivos, e véndose coas portas fechadas abandonounos. Debido aos nosos avances, logo da marcha de Mateo, trasladamos os nosos pequenos talleres a unha gran fábrica ás aforas da cidade. A fábrica na que nos atopamos nestes intres, encerrados e condenados a morte.

Aquí comezamos a negociar a venda de robots para fins domésticos. Os primeiros anos a fábrica marchaba vento en popa, e nós estabamos radiantes de felicidade, ata que chegou o día no que o noso traballo se foi á merda.

Un novo científico quería entrar a formar parte de nós, e por suposto, non nos opuxemos. Facíase chamar Xesús García, e tratouse dunha marabillosa incorporación para o proxecto. Estaba cheo de vitalidade, e encantáballe deseñar novos modelos de robots. Nós permitiámoslle os seus caprichos, xa que tiña verdadeira imaxinación, e os seus deseños gustaban a todos. Pero co tempo, o seu converteuse nunha obsesión. Pasaba día e noite deseñando, apartábase do resto, e non permitía que ninguén tocase as súas investigacións. Nunca lle deramos demasiada importancia, xa que dende o principio fora un home estraño, ata que un día, os robots comezaron a volverse contra nós. Non sabiamos quen podía ser o causante, e decidín reunir a todos os científicos. Acudiron todos menos Xesús. Tiñamos que actuar, e Xurxo e máis eu fomos falar con el. Chamamos á porta do seu despacho, pero non quería abrir. Recibiamos como resposta “largo!” ou “estou ocupado”, pero finalmente cedeu. No interior había prototipos de robots guerreiros, planos, operacións… Xurxo e mais eu quedámonos de pedra. O home que tiñamos en diante era completamente descoñecido para nós. Collín un dos planos, e ao ver quen o asinaba, botóuseme o mundo enriba.

Mateo Suárez. Aquel home que se vira obrigado a abandonarnos. Notábaselle a furia e as ansias de vinganza. Suárez engadiu uns datos ao seu ordenador, e comezou o desastre.

Os robots descontroláronse, e en menos de nada a fábrica atopábase nas condicións actuais. A fábrica quedou totalmente en silencio.

Agora, loitamos por saír, unha muller, un home máis morto que vivo e un robot, vendo os nosos soños derruídos, o traballo en balde, e as nosas forzas case o límite. Só nos queda esperar a morte das inertes mans das nosas creacións.

>

Bob Esponxa (1º bacharelato)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s