Copyright vs. Copyleft

Roberto Brenlla

Roberto Brenlla

O día 3 de Maio estivo connosco o economista Roberto Brenlla, para falarnos do controvertido tema do copyright vs. copyleft, e o uso de licenzas Creative Commons nos diferentes ámbitos, en particular no ensino.

Para comezar fixo un repaso á historia do Copyright, dende os tempos da invención da imprenta por Gutenberg, en 1450, ata os nosos días.

Logo disto, centrouse nos dereitos de autor, tal e como están concebidos na lexislación actual. A este respecto, explicou as diferenzas entre os dereitos morais e os dereitos de explotación dunha obra. Dentro dos dereitos morais, abríu un pequeno debate sobre quen posúe estes dereitos para diferentes situacións. En canto aos dereitos de explotación, enumerou e describíu os catro subtipos de dereitos, que son o dereito de reprodución, o dereito de comunicación pública, o dereito de transformación e o dereito de distribución, conceptos importantes para logo entender as diferentes opcións de licenzas Creative Commons que podemos elixir para os nosos traballos.

Seguidamente, e para glosar as posibilidades que ten un autor ou grupo de autores sobre a súa propia obra, puxo o exemplo das diferentes licenzas que se usan para a publicación de software (programas informáticos), como son as licenzas privativas (tódolos dereitos reservados) e as licenzas libres (só algúns dereitos reservados). Dentro destas últimas, explicou a diferenza entre a licenza GPL (tamén coñecida como copyleft – exemplos son GNU/Linux, LibreOffice, o GIMP, vlc, inkscape, audacity, etc.) e a BSD (non copyleft – exemplos: freeBSD, postgreSQL, etc.).

Para finalizar, pasou a explicar en que consisten as licenzas Creative Commons (de aquí en adiante licenzas CC), e as diferentes combinacións que se poden elixir. Estas combinacións son en base a 4 opcións que supoñen unha restrición no uso da obra por terceiros.

A primeira opción (restrición) é a de Recoñecemento (Atribución), que no caso dos países europeos é obrigatorio incluíla (non se permite poñer unha obra no dominio público, aínda que esa sexa a vontade do autor/autores). Toda obra con licenza CC que conteña a opción Recoñecemento obriga, a quen a divulgue ou modifique (no caso de que teña permiso para elo), a recoñecer ao autor ou autores orixinais desa obra.

A segunda opción é a Non Comercial. Se o autor ou autores da obra elixen esta opción, entón non permiten que se use a obra ou modificacións dela para fins comerciais. Naturalmente, se non se inclúe esta opción dentro da licenza, implica que o autor ou autores da obra permiten o uso comercial da mesma.

A terceira opción e a de Sen obras derivadas. Aqueles autores que opten por incluír esta restrición estarán impedindo que ninguén poida facer modificacións, retallamentos, engadidos, versionados, adaptacións, etc. da súa obra.

Por último, a cuarta opción é a de Compartir Igual. Cando se inclúe esta opción na licenza CC dunha obra, obrígase a quen faga modificacións da obra, a copie ou a distribúa, a que o faga baixo a mesma licenza que tiña a obra orixinal. Esta opción provoca, polo tanto, a herdanza nos dereitos e deberes, por así dicilo, que o autor orixinal elexíu para a súa obra.

Como exemplos se citaron:

a) Wikipedia e OpenStreetMap: Licenza CC – Recoñecemento – Compartir Igual. Isto implica, con respecto á Wikipedia, que un pode facer copias de cantos artigos queira, distribuílos libremente, facer modificacións e obras derivadas de todo tipo, e incluso vender esas copias e/ou traballos derivados, coas únicas restricións de que debe: 1) Recoñecer a autoría orixinal (Wikipedia.org) e 2) compartir as copias ou traballos derivados con esa mesma licenza. Esta licenza é a equivalente á licenza GPL que temos para o software (programas informáticos).

b) Licenza CC – Recoñecemento – Non Comercial – Compartir Igual. Tamén bastante popular, engade a restrición de que non se pode facer uso comercial da obra nin de traballos derivados dela.

c) Licenza CC – Recoñecemento. Esta é unha licenza moi pouco restrictiva, pois só obriga a recoñecer a autoría da obra. Se un fai unha obra derivada dela, pode restrinxir o uso desas modificacións sen ningún límite. Esta licenza é a equivalente á licenza BSD no mundo do software.

d) Licenza CC – Recoñecemento – Non Comercial – Sen Obras Derivadas. Se incluímos esta licenza, só permitiremos a copia e distribución da nosa obra, sen modificación ningunha e sen ánimo de lucro.

Para máis información, poden consultarse todas as licenzas cara ao final desta páxina web.

O relatorio finalizou cun pequeno debate sobre as friccións dos dereitos de propiedade intelectual cos dereitos dos cidadáns desde a chegada de Internet, a falta de oferta para a descarga “legal” na rede, o dereito de acceso á cultura dos cidadáns por un lado, e os intereses da industria do entretemento por outro, etc. Un tema de rabiosa actualidade e que daría para falar moito máis, sen dúbida.

[A presentación de Roberto Brenlla que usou no relatorio pode descargarse aquí. Ten licenza CC Recoñecemento – Compartir Igual]

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s