Os vellos contos (relatos de medo)

Segundo premio do Concurso de Relatos de Medo 2011


OS VELLOS CONTOS

Contan que se en lúa chea, a medianoite te pos diante dun espello e recitas as palabras “Que non me leve, os meus ollos servirán para el” ves o teu propio enterro. Eu non cría niso, ata que coñecín a Carlos, un veraneante da miña vila, veciño meu. Ata ese momento, nunca crin nesas trapalladas e vós, estou seguro que tampouco o creredes.

Resultou que por fin chegou o verán e, con el, coñecín a Carlos, que rondaba os doce anos, coma min e os meus mellores amigos. El vive habitualmente no País Vasco, pero os seus avós viven na mesma vila ca min, onde tamén se criou o seu pai.

Non volo dixen, pero se vos interesa, eu chámome Daniel. Pasaba as tardes cos que falei antes, os meus amigos, Pedro e Silvia.

Foi nunha tarde, cando estabamos xogando cerca do cemiterio, onde hai un prado enorme perfecto para xogar ás agochadas. Achegouse Carlos, que pasaba coa súa avoa. Parecía bo rapaz e amigable. Logo de varias tardes xuntos xogando e explorando, xa que nos encantaba facelo, fixemos moi boas migas.

A Carlos encantáballe contar historias que lle contara seu avó e seu pai, sobre todo na cabana que tiñamos ó lado do río, pero nós non lle cremos, xa que eran as típicas historias de medo; como que viran a Santa Compaña polo monte ou que seu pai xogara nun taboleiro para contactar supostamente cos mortos que non descansaban en paz. Disque un amigo de seu pai morrera por apartar a man do punteiro sendo o propio Satanás quen atendera a súa chamada.

O seu tío avó, que era cura na capela, tiña a chave que a herdara a avoa de Carlos ó morrer. Tanto que nos gustaba investigar e aventurarnos, Carlos ofreceunos entrar ás agochadas na capela coas chaves da avoa. Facía moitos anos que ninguén entrara nela xa que fixeron outra igrexa máis grande a uns poucos quilómetros.

Ó día seguinte conseguira as chaves e dispuxémonos a ir, aínda que recoñezo que tiña algo de medo, e polo que vía, os demais tamén. Finalmente chegamos, quedámonos mirando e decidimos meter a chave para abrir a porta, a cal rinchou e un calafrío escorreume por todo o corpo.

Empezamos a exploración cada un polo seu lado coa axuda dunhas lanternas. Encantábanos xogar ós exploradores e máis aínda nun lugar coma aquel, no que te podías encontrar algunha que outra cousa curiosa, quen sabe.

Aínda que despois dun tempo en busca de algo interesante que puidera satisfacernos só nos encontramos con moitas teas de araña, uns cantos sustos, un cartel de festas de 1960… Pero o que máis nos emocionou foi encontrar outra vella chave, moi bonita e pesada, xa bastante gastada polo paso do tempo.

E dende logo, se existía unha chave así nun sitio coma aquel, quen sabía o que tal podía abrir aquela chave enigmática…

Dispuxémonos a buscar dita porta. Fomos probando pola igrexa pero non abría ningunha. Silvia adentrouse na sancristía, onde só había dúas portas, unha que daba para subir polas escaleiras ata as campás e outra pequena, case agochada. Mediría coma un metro e medio aproximadamente. Probamos e si, por fin abriu unha porta. Non nos atreviamos a abrila ata que Carlos si o fixo. El era bastante valente. Dentro había unhas sabas que tapaban algo semellante a un cadro. Despois achegouse e quitou as sabas cheas de po que tapaban aquel obxecto… para o noso asombro era un daqueles taboleiros dos que lle falara o pai de Carlos.

Xa que encontramos tal cousa fíxosenos irresistible non tentarnos a xogar con el, intentando invocar algún espírito que quixera falar connosco.

Sentamos e todos puxemos os nosos dedos enriba do punteiro, que repetimos dúas ou tres veces: hai alguén aí? O punteiro moveuse cara onde poñía “Si”. Todos pensamos que alguén estaba movendo o punteiro, pero seguimos xogando. Logo pedimos que dixera o seu nome. Co que tamén se moveu, pero esta vez sinalando un S, logo un A, de seguido un T… Pedro non puido co medo, e inmediatamente apartou a man. Nisto deulle un ataque de histeria no que repetía palabras moi raras que ninguén deste mundo podería entender e, parecía, mesmo o xuraría, que estaba endemoniado polo mesmísimo Satán! Desmaiouse e levámolo á casa, co medo no corpo.

Non lle puidemos explicar á familia que lle pasara. De feito estivo no leito, inconsciente durante uns tres días. Nin os médicos podían ditaminar que lle pasara a Pedro… que era o que tiña. Axudando ó meu pai a carrexar leña vin a Silvia de lonxe, correndo. Parecía aterrorizada.

– Dani, Dani! Pedro morreu.


María, 1º de Bacharelato.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s