Arquivo por autores: chiruca

TEMOS UN PREMIO MINERVA!!!

A nosa alumna de 2º Bach. A , Iria Iglesias levou o 3º premio de Narrativa deste prestixioso certame literario. Iria sempre elabora textos dunha calidade extraordinaria tanto en narrativa como en poesía e alegrámonos moito de que llo recoñecesen con este premio, meréceo.
NORABOA IRIA !!!!

Día da biblioteca

Un ano máis o EDLG colabora co Equipo da Biblioteca na celebración deste día contando coa preparación de textos en diferentes linguas. Este ano o alumnado de 1º de ESO preparou textos poéticos breves dunha selección de poetas galegos de todos os tempos sacados do libro “Poetízate”, de Fran Alonso. Tamén escenificaron un anaco do texto teatral de Cándido Pazó “Ra, ra, ra” e fixeron unha lectura dramática dun relato de ” Made in Galiza” de Sechu Sende. Tamén se deu lectura a diferentes fragmentos de textos en lingua española e en inglés.

día da biblioteca 2011

Rosalía sempre viva

O alumnado de 3º da ESO visitou a exposición “Rosalía sempre viva, viva Rosalía” que con motivo do 125 aniversario da morte da autora e a iniciativa da Fundación ” Manuel María” percorre Galicia.

Acudimos por expresa invitación da Casa da Cultura de Noia, e vimos como facía un percorrido pola vida, formación, obra e importancia dunha escritora que iniciou a Literatura Galega moderna ao abrir o Rexurdimento no s.XIX, e introducir a presenza da muller na literatura galega.

O alumnado traballou contestando un cuestionario sobre o contido da exposición.

ENTREGA DE PREMIOS DOS RELATOS DE MEDO

Coa celebración do Samaín no centro aproveitamos para entregar os premios do concurso de contos de medo.Os tres contos premiados son de 1º de Bach. e publicaremos algún deles no blogue nas vindeiras semanas. Durante o acto deuse lectura ao conto gañador e Uxío Lojo, o noso representante no “Tíralle da lingua” aproveitou para practicar o seu monólogo.

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

diadaciencia2011_320Celebrouse no centro coa colaboración do Departamento de Física e Química que desenvolveu unha actividade proposta pola CGEDLG. Comentaremos a actividade con detalle nun post vindeiro.


XOGOS TRADICIONAIS

O profesorado de Educación Física preparou os xogos para que todo o alumnado participase durante a celebración do Magosto e o Samaín. Non perder a tradición dos xogos de toda a vida é algo que o Equipo sempre propón nas celebracións deste tipo no centro.

CONCURSO CONTOS DE MEDO PARA SAMAÍN

 CONCURSO DE CONTOS DE MEDO PARA SAMAÍN

 Invéntante unha historia terrorífica e participa neste concurso!!!

Só ten que estar ben escrita e dar moito medo…

Bases:

1.- A extensión do relato é libre.

2.- Tedes que entregalos no Departamento de Subalternos antes do 25 de Outubro da seguinte maneira:

Nun sobre grande escribides só un seudónimo por fóra. Logo metedes o conto dentro e outro sobre pequeno co mesmo seudónimo por fóra e co nome real e curso dentro.

3.- O xurado reunirase o mércores 26 e os premios entregaranse o venres 28.

Premios:

Haberá un 1º,2º e 3º premio que consistirán en camisetas e libros.

Ademais os relatos premiados e algúns dos participantes publicaranse nun pequeno libriño a final de curso.