TEMOS UN PREMIO MINERVA!!!

A nosa alumna de 2º Bach. A , Iria Iglesias levou o 3º premio de Narrativa deste prestixioso certame literario. Iria sempre elabora textos dunha calidade extraordinaria tanto en narrativa como en poesía e alegrámonos moito de que llo recoñecesen con este premio, meréceo.
NORABOA IRIA !!!!

Eu falarei (IES Chapela, Redondela)

EU FALAREI, con música do “I will survive” de Gloria Gaynor, e cunha letra escrita polo EDLG de Chapela, é un canto de amor en defensa da Lingua Galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova.

Na gravación implicáronse activamente máis de 400 persoas entre as que están 120 actrices e actores e 29 cantantes. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais, veciñas e veciños de Chapela, que quixeron neste LIPDUB dar alento a unha lingua, a galega, que hoxe e no futuro… precisa de nós.

Selección de relatos premiados

Un ano máis o EDLG saca á luz este caderniño cunha selección dos contos destacados ou premiados en concursos organizados no centro, como é o caso dos contos de medo e de amor, ou certames de fóra promocionados no centro como é o caso dos contos de ciencia. Agardamos que vos gusten!

Descarga do caderno en PDF
I (4,1 MB)
II (2,2 MB)

Actividade de lingua galega en Lugo

O día 21 de Maio os alumnos de 3ºESO fomos de excursión a Lugo. Alí dividímonos en dous grupos. O noso desfrutou en primeiro lugar dun agradable paseo polo casco antigo e das espectaculares vistas da cidade desde a muralla. Finalmente fomos ao museo Provincial de Lugo, onde fixemos actividades relacionadas cuns contos que xa leramos na aula coa profesora Pilar Rey, o que nos pareceu unha forma máis amena de visitar un museo. Foi unha bonita experiencia xa que nunca tiveramos a oportunidade de visitar unha cidade tan bonita como Lugo.

Ana, Cinthya e Nerea, 3º de ESO.

Entrega dos premios do XVIII Certame Literario Letras Galegas “Alberto Romasanta”


O día 21 de Maio celebramos o día das nosas letras coa entrega dos premios deste certame que xa acada a súa dezaoito edición e que recibe por primeira vez o nome de Alberto Romasanta en memoria do noso compañeiro do IES Virxe do Mar que xa non está con nós e que tanto traballou pola Normalización e por este concurso literario.
A participación foi numerosísima, case triplicando a do ano pasado, e a calidade dos traballos foi tan boa que resultou difícil asignar os premios, tendo que conceder ata dous accesit na modalidade de Poesía Nivel 3.
No acto introduciuse a figura de Valentín Paz Andrade da man do alumnado de 1º de ESO que preparou a súa biografía e deu lectura a algúns dos poemas do autor.
Trala entrega de diplomas a premiados e participantes o acto pechouse coa interpretación dunha peza de piano a catro mans por parte de dúas alumnas do IES Campo de San Alberto.

Participantes premiados

Conferencia sobre o gas radón en Galicia

Mapa da concentración de gas radón en Galicia
(preme para velo máis grande)

Hai uns días, tivemos no instituto unha charla sobre a influencia do gas radón nas nosas vidas, especialmente aquí en Galicia. A conferenciante explicou, axudada dunha presentación, os puntos claves para entender de onde provén o radón, cal é o perigo do exceso deste gas nas vivendas, e formas de solucionalo, así como datos acerca do perigo aquí en Galicia e a súa radioactividade, nomeando tamén os distintos tipos de radiación (alfa, beta, gamma) e comparándoos para coñecer a súa perigosidade.

Temos que ter en conta que este gas, o radón, e moi daniño para a saúde e está
considerado a segunda causa de cáncer de pulmón despois do tabaco. Como
provén da descomposición do Uranio, podemos encontralo en todas aquelas
edificacións que conteñan materiais naturais con uranio (arxilas, granitos,
cementos, …) A cantidade de radón nos edificios vese enormemente influenciada polo tipo de material utilizado na construción destes, e tamén pola adecuada (ou non) ventilación, e incluso tamén a auga pode ter radón disolto. Por iso hai unha normativa elaborada que regula a cantidade de radón permitida para non ser prexudicial para a saúde, pero non é obrigatoria, polo que non contamos con unha adecuada protección.

Tamén nos mostraron varias formas de detectalo e animáronnos a medilo nas
nosas propias casas ou no centro para comprobar que estabamos fora de perigo.

En resumo, foi unha conferencia interesante que aportou información non moi
coñecida, xa que non é habitual que se nomee a este gas, a pesar dos efectos que ten sobre a saúde, pero proporcionáronnos unha información bastante útil que poderá valernos para o futuro.

Ángeles Fariña, profesora de Física e Química.

Charla de Mario Franco

Foi unha charla moi curiosa, empezando porque que nos falou foi o pai dun profesor. Comezou explicando que era o que o impulsou a escribir, os seus inicios na escritura, a publicación do seu primeiro libro, os seus premios. Sobre todo chamounos a atención a familiaridade coa que nos falaba.

9 de Maio de 2012
Victoria, a vicedirectora, presentando a don Mario.

Agradecemos a súa visita e o bo momento que nos fixo pasar.

Alumnado de 3º ESO B

Tropa de Trapo

O pasado 14 de Maio, viñeron ao instituto dous contacontos moi divertidos que nos ensinaron tres historias. Unha delas ía dunha muller que se sacrificou por unha promesa que lle fixera a unha amiga.

tropadetrapo_500

Gustáronnos moito. Os contacontos chamábanse Tropa de Trapo e esperamos que volvan algún día con máis historias novas e divertidas.

Iago e Lucía, 1º de ESO.

Charla de Ramón Caride

O pasado luns 7 de maio os alumnos de bacharelato tivemos a oportunidade de recibir a Ramón Caride Ogando, autor de abundantes libros en galego entre os cales se atopan os premiados: “Soños Eléctricos”, “Perigo Vexetal”, “Flor no Deserto”, “Sarou”, “O Sangue dos camiños” e “A negrura do mar”. Visitou o noso instituto porque lemos unha das súas obras: “Exogamia 03”, un libro futurista que pretende demostrar mediante varias historias diferentes que a ciencia é imparable e se atopa por riba da política e da relixión e de como a estas non lles queda máis remedio que aceptala. Iso si, no libro deixa claro o negro futuro que nos augura. Outro libro ambientado tamén no futuro e que ten como tema a ciencia, algo moi frecuente nas súas obras, titulado “Endogamia” será a continuación do que nós lemos.

Charla_Ramon_Caride

Ramón Caride contounos que suprimiu varias fotografías que en principio pensaba poñer porque lle gusta moito “medio” cortar o final das historias para que nós poidamos ter unha visión propia de como nos gustaría que rematase ou como cremos que podería finalizar.

Ainara Louro e Carme Rosanella, 1º de Bacharelato.

Fumigación 24 (flufenoxuron)

fumigacions-corunha_500

4 de maio de 2012. ADEGA vén de coñecer as zonas propostas por ASPAPEL para desenvolver as fumigacións dos eucaliptais co tóxico Flufenoxuron nas provincias da Coruña (40 localizacións), Pontevedra (28 sitios) e Lugo (1 área). Na documentación cartográfica, elaborada pola empresa Fitoaragón S.L., indícanse 69 áreas de 8 km de diámetro cada unha, denominadas “zonas de tratamento químico”. Nelas localízanse as masas de eucaliptos máis densas e con maior afectación do gorgullo, mais tamén inclúen lugares habitados, cursos fluviais e mesmo espazos da Rede Natura 2000. Dada a toxicidade do principio activo e a enorme dispersión dos métodos aéreos, persoas, animais e mesmo biodiversidade ameazada estarán expostas ao veleno. ADEGA advirte á Xunta de que podería estar sendo cómplice, de seguir “avalando” estas prácticas, dun delito contra a saúde das persoas e o medio ambiente.

ADEGA

Máis detalles en ADEGA:
ASPAPEL e Xunta planexan fumigar sobre espazos protexidos, ríos e vilas.
Artigo relacionado: Envelenar a un país enteiro