Unha vida en ceros e uns


Unha vida en ceros e uns

Estaba derreado cando chegou ao laboratorio.
– Por fin chegas.
– Vin o máis rápido que puiden. Lín a mensaxe, é certo?
– Si, os tests deron positivo, a ponte que lle fixemos ao Suxeito 21-2A era a solución –entón a súa voz mudou nun ton menos serio–. Por fin, dezanove anos de traballo.
Logo dirixiuse a unha lacena e sacou dela unha botella de champaña, abriuna e bebeu un bo trago. Mentres, Roberto estaba revisando o informe que María lle deixara enriba de mesa. Con cada palabra que lía o seu sorriso acentuábase. Era certo, a consciencia do Suxeito 21-2A fora transferida a un plano creado dixitalmente.

Levaban dezanove anos traballando nese proxecto, desde que se formularan a hipótese de que os defectos da consciencia poderían ser corrixidos virtualmente se esta era transferida a un plano creado cun ordenador. Puxéranse ao traballo pero nunca conseguiron o seu primeiro obxectivo ata ese día, o simio 21-2A tiña unha copia da súa mente nunha potente computadora que ocupaba toda unha sala.

Agora tocaba ver se era posible facer cambios nesa consciencia virtual, pero tiñan iso tan estudado que en realidade non o dubidaban, o difícil xa pasara. E cada vez que pensaban en todos os usos desa descuberta…
– Fixemos o maior descubrimento da historia.

Nos seguintes meses, o traballo aumentou, contrataron a un gran número de axudantes e fixeron moitísimas máis probas, pero todas foron positivas, tiñan máis de 50 Petabytes de consciencias virtuais. E xa lograran en dúas ocasións, arranxar as copias mentais e reimplantalas nos suxeitos, un chimpancé que antes se autolesionaba deixou de facelo e o outro aprendeu a usar coitelo e garfo para comer. Toda a vida, pensamentos, recordos e sentimentos deses animais estaban traducidos en ceros e uns. Os éxitos eran tales que por fin conseguiran o permiso para comezar as probas con seres humanos, e isto creara unha meirande presión dentro do proxecto.

Aínda con todo o proxecto era sumamente confidencial, tiñan apoio gobernamental para lograr este obxectivo, pero isto tamén significaba ter que render contas ao Ministerio moi a miúdo. Para comezar as probas en seres humanos Roberto e María só seleccionaron a sete persoas para traballar xunto con eles, pero o Goberno engadiulles a un máis. Todas eran persoas de sobrada cualificación, dende unha doutora experta nos procesos cognitivos ata o maior entendido en enxeñería informática do país. Había tres suxeitos de probas, unha persoa común, un excomatoso que perdera o 30% das súas funcións cerebrais e unha muller con embarazo psicolóxico.

– Rematou –anunciou María cando veu que o proceso de reimplantación se completara–. Xa ten a súa conciencia arranxada no corpo. É hora de despertala. Entón apagou a pantalla do ordenador e dirixiuse xunta ás doce persoas que a acompañaban nese momento á sala contigua. Os enfermeiros alí presentes asentiron ao velos pasar e despertaron á suxeito. Estaba consciente, e cando lle preguntaron polo seu embarazo dixo que unha vez estivera embarazada, tres anos atrás pero sufrira un aborto mais non estaba encinta nese momento. Cando respondeu isto a euforia notouse no ambiente. Outro logro.

Os éxitos sucedéronse, o comatoso recuperou toda a función cerebral e ao outro home borráronlle un trauma latente que non souberon que tiña ata que realizaron a súa copia virtual. Logo o Goberno aínda escéptico envioulle máis suxeitos e todos foron un éxito rotundo.

– Cales son esas boas novas que me dicías no email?– preguntoulle María a Alberte, o encargado da transformación virtual das conciencias.
– Descubrín algo máis coa Suxeito 16, descubrín a parte que se refire ás crenzas e ideoloxías, afondei algo máis e xa o sei interpretar, podo dicirche por exemplo que é de dereitas, cun forte apoio ao antigo Réxime Franquista.
– Si, creo ter lido algo semellante no seu informe.
– Non me parece ben, ¿sabes que os de Réxime fusilaron ao meu avó solo por ser de ideoloxía contraria á súa? Nin sequera participou na guerra, pero foron buscalo por ser “roxo”.
– Tes que respectar todas as crenzas, Alberte. Nin ela ten razón nin ti tampouco.
– Non opino o mesmo.
– Que lle imos facer, non a podemos cambiar ¿non?. Mira, faime un informe e xa o lerei con máis calma.

Dous meses despois a conciencia arranxada da Suxeito 16 xa estaba no corpo desta, corrixíranlle unha pequena dislexia na fala. Agora tocaba entrevistarse con ela periodicamente, esa tarde María encontraríase con ela para atender aos seus progresos.
– Bos días, doutora.
– Moi bos días, Helena, ¿como estás?
– Perfectamente.
– Vouche facer unhas preguntas para comprobar que non perdiches memoria, vale? Imos aló, ¿como se chamaba o teu avó paterno?
– Esteban Traballos.
– Ben, ¿coñecíchelo? –Helena asentiu– ¿de que traballaba?
– Fora alcalde da súa vila, pero para a miña desgraza foi cos de dereita.
– ¿Como?
– O meu avó tiña unha horrenda ideoloxía política, estaba afiliado a un partido conservador que apoiara a ditadura, e creo recordar que el tamén o facía. Vaia vergoña.
María abriu a porta dun golpe para encontrarse con Alberte:
– Que fixeches? Cambiaches as ideoloxías e crenzas de Helena!
– Non, arranxeina, ¿é ao que nos dedicamos non?
– Pero que estás a dicir? Non podes ir por aí cambiando ás persoas ao teu antollo.
– Si podo, é fíxeno. Non te das conta? Somos deuses, podemos modelar á xente como queiramos.

Nos meses seguintes María deixou de acudir ao traballo, Roberto preocupado fóraa buscar a súa casa pero encontrárase a unha muller desfeita porque descubrira como transformar as persoas en simples marionetas. Nin coa nova do despido e encarceramento de Alberte se alegrara.
– Pensa que o nosa descuberta salvará millóns de vidas e mellorará outras tantas.
– Pero que pasa se hai alguén máis coma Alberte e decide que unha persoa non é boa tal e como é e decide cambiala? Síntoo pero esta culpa pode comigo.

Finalmente, un día volveu ao laboratorio, e digo finalmente porque ese día o laboratorio ardeu con toda a súa investigación e tamén coa súa vida, nin sequera tratara de escapar da queima que provocara.


Ricardo, 1º Bacharelato. Outubro 2011
.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s